·Título: O misterio de Portomarín
·Autora: Antia Yáñez
·Xénero: novela xuvenil
·Data: 2016
·Editorial: Editorial Galaxia
·Número de páginas: 240
·Valoración: Ben, ben
·Enlace de compra

O-misterio-de-Portomarin-1.jpg


Aquela noite non se falaba doutra cousa na vila. No albergue, nas terrazas dos bares, nas rúas empedradas… Por todos lados os murmurios da xente eran sobre o mesmo tema: quen sería a pobre alma atopada detrás daquela parede?


A publicación de Senlleiras devolviume as ganas de ler e escribir en galego. Non é un mérito propio, este recae en Antía Yañez (Burela, 1991), gañadora do Premio de Narrativa Illa Nova en 2018 con dita novela.  Esta enxeñeira de camiños adícase, agora, a enxeñar historias, contos, novelas. Profesionalmente, adedícase á xestión dunha academia en Cecebre, onde imparte talleres de escritura a rapazas e rapaces. 

E cabe recordar, chegadas a este punto, outros fitos no ámbito literario: o Certame de Microrrelatos “Lonxa Literaria” 2013, de Moaña, o Premio de Relatos Curtos “Os Viadutos” 2014, de Redondela, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre (2016). A finais de 2016 publicaba a súa primeira novela, O misterio de Portomarín,que hoxe nos ocupa.


Aqueles irmáns pensaban que o verán ía ser igual de monótono e gris que sempre.

Mais por unha serie de casualidades van ter que investigar un misterio que todos coidaban esquecido… como a vila que descansa debaixo das augas do encoro.

Durante séculos aquela vila anegada tivo os seus (terribles) segredos ben gardados. Mais agora van saír á luz…


Non podo evitar recordar cando era unha nena e lía as aventuras dos Cinco. Ou cando desfrutaba das historias de Pippi Långstrump. Co Misterio de Portomarín, Antía Yáñez, sen embargo, ven amosar algo que interiormente agradezo. Trátase dunha novela xuvenil con un claro carácter feminista, tan necesario, tan bo, tan importante para as lectoras mais novas que son, ao fin e ao cabo, os que virán e os que permanecerán.

As irmás mencionadas no resume son obrigadas a pasar o verán nunha aldea illada chamada Protomarín, onde a súa nai e mais elas deberán axudar nas labores dunha casa rural. Nun escenario inmellorable para os misterios, Antón, Carola, Iria, Sabela e Venres comezarán unha aventura tan trepidante como escura, cando o can descubre uns osos humanos baixo a terra. Un mundo adulto ábrese entón ante elas e ante as mozas lectoras que penetren nas súas páxinas.


E claro, deu o sinal de alarma.

E cal é o sinal de alarma dun can?

Ladrar, naturalmente.


Benvida á túa casa, Antía. É un pracer para min ter o gusto de analizar contigo a túa primeira novela. Por que empezaches escribindo novela para os máis pequenos (e non tan pequenos)? Como ti mesmo defines, unha obra xuvenil feminista ambientada no rural galego.

Antía Yáñez: Cando comecei a escribir O Misterio de Portomarín non o fixen pensando nunha franxa de idade determinada. Simplemente, saíu así. Foi o meu editor o que elixiu meter a novela na Colección Árbore de Galaxia e a min pareceume perfecto. Temos tendencia a pensar que as obras protagonizadas pola rapazada, en xeral, non son para público adulto, e non estou de acordo. Eu aprendo todos os días da xente nova na miña academia (en Cecebre) e creo que os e as maiores moitas veces esquecemos como viamos a vida á súa idade. Non obstante, pola forma en que conto o que pasa en Portomarín (a explicación “sinxela” do franquismo, do proceso da construción do encoro de Belesar, etc.) entendo que ao final si fixen unha novela enfocada máis a nenos e nenas que a adultos e adultas, aínda que se estes últimos se achegan ao libro descubrirán pequenas chiscadelas que ao mellor ás crianzas lles custa máis entender.


No relativo a que defino a obra como unha novela xuvenil feminista, iso é porque a maioría das protagonistas son nenas. 


No relativo a que defino a obra como unha novela xuvenil feminista, iso é porque a maioría das protagonistas son nenas. Cando eu era pequena, nos libros de aventuras que lía case sempre aparecían só nenos e tiña moitas ganas de poder cambiar iso. Non hai que ser un rapaz para facer cousas divertidas!, pensaba eu. E de aí xurdiu O misterio de Portomarín. Á parte, quería tamén facer partícipes aos lectores e lectoras do mundo rural que eu tiven o pracer de desfrutar na casa dos avós e avoas. Parecíame de vital importancia, sobre todo agora que cada vez as cidades galegas teñen máis e máis poboación e as vilas e aldeas se van despoboando. As crianzas das cidades cada vez están menos en contacto con esoutra parte da realidade de Galicia e non me gustaría que o día de mañá a descoñecesen por completo.


Cando estaba a ler o libro, nestas vacacións de Nadal, a túa pregunta foi cal era a miña personaxe favorita. Non dubidei en dicirche que tiña debilidade por Antón, o irmán maior. E agora, pregúntoche a ti, cal é a túa favorita?

Antía Yáñez: Ai! Iso non se pode dicir. É coma preguntarlle a un pai ou nai a que fillo ou filla prefire. Saíron todos e todas da miña cabeza e todos e todas son especiais. Si che direi que sinto predilección por Venres, o can, un pouquiño. Os libros son moito máis divertidos se hai animais protagonistas neles!


Gustaríache contarnos un pouquiño máis como son cada unha delas? Plasmas con bastante humor e acerto o amor odio que é común entre as irmás. Baseácheste na túa propia experiencia?

Antía Yáñez: Pois a ver, así a modo resumo Antón, o irmán maior, é un pouco o que vai máis por libre ao comezo, pois segundo os roles de xénero instalados na sociedade, ao ser o único varón séntese un pouco desprazado. Isto cambia ao longo da novela e o lector ou lectora remata por esquecer o xénero dos protagonistas e centrarse só nas súas características. Antón é reflexivo e algo máis pausado e gústalle moito ler; Sabela, a segunda, é xenerosa e preocupada e ten alma de líder; Iria, pola contra, é medorenta e nunca quere correr riscos, todo o contrario que Carola, que é impetuosa e actúa antes de pensar. É a máis deportista e quizais por iso é tamén a que mellor conecta con Venres, un cu inquedo coma ela. O can aporta intelixencia e perspicacia ao conxunto.

O amor odio entre irmás é o que vivín eu de pequena: non coñezo outro xeito de relacionarse! Iso si, sempre moito máis presente o amor que o odio, por suposto, pero a infancia é moito mellor se tes algunha irmá ou algún irmán co que pelexar de vez en cando.


Permíteme que indague un pouco mais. Por que decidiches que o protagonista fora Antón en lugar de calquera das súas irmás?

Antía Yáñez: Porque ao comezo empatizaba con el por ser o único rapaz, tan sinxelo e tan complicado coma iso. A novela ten un narrador en terceira persoa; non é Antón quen conta a historia, pero si semella que nas primeiras páxinas o punto de vista desde o que se ve o que acontece é o del. Non obstante, a medida que ía escribindo foi cando caín na conta de que eu tamén son susceptible aos roles de xénero, intrínsecos á nosa sociedade, e decateime de que ser o único membro dun determinado sexo non ten por que ser bo ou malo. Se hai outros seres humanos cos que conectas e te levas ben, tanto ten que non compartan xenitais contigo. Por iso, en O misterio de Portomarín penso que as voces de Sabela, Iria e Carola e o seu punto de vista gañan importancia a medida que se avanza na lectura.


Venres é, sen lugar a dúbidas, a estrela por excelencia. Polo que se pode adiviñar polas túas Redes Sociais, os animais son importantes para ti. Tes mascotas? Que nos poden dar as nosas compañeiras que as veces é complicado atopar nas persoas?

Antía Yáñez: Si, de feito un dos motivos polos que a miña parella e eu nos mudamos ás aforas da Coruña, a unha casa, foi porque queriamos ter mascotas. Hoxe en día temos unha cadela, Lúa; un gato, Roger; unha oca (Axencia ou Tributaria, non sei cal das dúas é, porque antes tiña máis familia da súa especie, pero veu o raposo e levou todo), un galo e unha kika (á que non lle quitamos os ovos porque os esconde). Un núcleo familiar ben grande!

Que nos dan que non se atopa nas persoas? Amor incondicional. As mascotas non te xulgan, simplemente están aí sempre que as necesitas. E cando non as necesitas tamén, porque son unha gran responsabilidade. Perdo de facer moitas cousas por ter animais, pero desde logo compénsame amplamente. Como non ía meter animais nunha novela de aventuras como O misterio de Portomarín, se son parte da miña familia!


Cal é a diferencia mais significativa entre escribir novela para adultas, como Senlleiras, e facelo para as máis pequenas?

Antía Yáñez: Para min, a linguaxe e a forma de contar a historia. Non creo que haxa temas tabú para a xuventude, senón que hai que explicárllelos de diferente xeito para que os entendan correctamente. Ah! E tamén o ritmo: das miñas visitas a colexios e institutos noto que a rapazada necesita atopar misterio e intriga desde as primeiras páxinas, mentres que os adultos e as adultas temos máis paciencia.


Non deixa de sorprender, non obstante, a madurez que se trata algúns temas moi importantes na trama de O misterio de Portomarín. Fálase da Guerra Civil, importante no enigma que as rapazas están a descubrir. Imaxino que non é doado saber como abarcar este punto para un público xuvenil…

Antía Yáñez: Fixen unha pequena “investigación” antes de escribir sobre o franquismo, que foi preguntarlle á rapazada da miña contorna se sabían quen era Franco. Case todos dixeron que non ou que lles soaba pero que non sabían ben de que, así que pensei en como lle lo explicaría eu. Así saíu na novela.


Encontramos unha psicoloxía infantil moi ben desenvolta, profunda, que non ten medo de acercarnos os pensamentos mais honestos, aínda que estes sexan, por veces, un pouco desacougados. Encontramos nas nenas sentimentos de medo, angustia e cansazo. Case me atrevería a dicir que priman mais que os de ilusión e curiosidade pola aventura que están a vivir. Como se escribe desde o punto de vista dunha nena? Remóntaste as túas propias vivencias para lembrarte de cal era a túa maneira de ver a vida?

Antía Yáñez: Eu era, e sigo sendo, unha cabra tola. Poucas cousas me dan medo: nin as arañas, nin os bechos, nin as alturas, nin a escuridade, nin as historias de fantasmas… Pola contra, si creo que moitas veces ao que lle teño auténtico pavor é a expresar os meus sentimentos. A escrita fai que ese proceso sexa pausado e premeditado e así flúe todo máis. Teño moita sorte e lembro moitas das sensacións e emocións de cando era pequena, así que parte dos sentimentos de Antón, Sabela, Iria, Carola e tamén Venres, por suposto, son reflexo daqueles meus que non sabía expresar ben e que agora me saen tinguidos de morriña. Á fin e ao cabo, xamais volverei ter esa idade, así que O misterio de Portomarín é como volver á infancia, aínda que ningún dos personaxes sexa cen por cento eu. Todos teñen un anaco de min e ningún son eu.


O misterio en si ten un final, pero as aventuras de Venres e o resto coido que non. Imos poder ler algo novo delas? Estas inmersa, ademais, nalgún outro proxecto literario que poidas comentar con nosoutras?

Antía Yáñez: Si! Está a piques de saír do prelo, dentro de dous ou tres meses, a segunda parte de O misterio de Portomarín. Titularase O misterio do torque de Burela e contará con Antón, Sabela, Iria, Carola e Venres, pero o lugar e o misterio serán totalmente diferentes. O torque de Burela, o máis grande de Galicia, é roubado e terán que descubrir quen e por que. Burela é a miña vila natal, onde me criei, e tiña unha grande débeda con ela. Ademais, a Mariña Lucense é a zona costeira menos coñecida de Galicia e tamén serve para ir percorrendo a xeografía da nosa terra e aprendendo dela. As dúas novelas, aínda que contan cos mesmos personaxes, serán independentes e poderán lerse de xeito individual.

Por outra banda, tamén estou a piques de sacar novela xuvenil con Urco Editora, Be Water. Foi finalista do I Premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil e faime especial ilusión, porque aínda non abordara esta franxa de idade e non podía ser. Moitas veces síntome máis adolescente que adulta! Be Water é unha novela greenpunk (ciencia ficción ecoloxista) e feminista (como todas as que fago, isto xa é case redundante que o diga) que acontece nunha sociedade distópica que vive baixo da terra e cuxo diñeiro pasa a ser a auga, xa que é o ben máis prezado que teñen. A protagonista é unha nai adolescente. A ver que acollida ten!

Antía_Yáñez.jpg

Eu era, e sigo sendo, unha cabra tola. Poucas cousas me dan medo: nin as arañas, nin os bechos, nin as alturas, nin a escuridade, nin as historias de fantasmas… Pola contra, si creo que moitas veces ao que lle teño auténtico pavor é a expresar os meus sentimentos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s