·Título: Sol de Inverno
·Autora: Rosa Aneiros
·Xénero: novela histórica
·Editorial: Xerais
·Edición: dixital
·Data da súa publicación: 2009
·Número de páxinas: 512
·Valoración: Ben, ben.
·Enlace de compra

9788499140322.jpg


Atopei este libro na miña constante busca de obras en galego. Non me soaba o título, aínda que si a escritora pois é unha coñecida xornalista e ten escrito literatura xuvenil en galego, como a triloxía Amote Leo A. Rosa Aneiros( Meirás-Valdoviño, 1976) é unha autora bastante prolífica, dende que en 1999 publicou Eu de maior quero ser ata a súa máis recente obra Orestes perde o sentido!, que viu a luz este mesmo ano. A súa obra foi premiada en numerosas ocasións, por exemplo, a novela que nos ocupa gañou o Premio Xerais 2009. Ademais, tamén traballa no Consello da Cultura Galega.

Sol de Inverno é unha novela que podemos catalogar como histórica, pois comeza xusto cando está a piques de estalar a Guerra Civil Española do 1936 e remata durante as revoltas de Francia do 1968. Ten constantes referencias a acontecementos da historia recente, tanto española coma de países moi relacionados con España, como Cuba, Arxentina ou a xa citada Francia. Tamén ten elementos de aventura e de literatura de viaxes e certo compoñente intimista pois afonda de maneira particular no sentimentos das personaxes.

A protagonista é unha nena chamada Inverno, que naceu en febreiro polo que o seu pai decidiu bautizala así. Nela centrase o foco da historia, narrada nunha segunda persoa que se dirixe a ela e non o lector. Todo comeza na aldea galega de Antes, preto do mar. Hai unha lenda que di que Santa Mariña protexe a aldea e os seus habitantes non se bañan no mar nin comen peixe das súas augas.


Es Inverno, a muller náufraga que fuxiu dunha batalla para recalar nunha guerra moito peor.


Inverno pasa o tempo con Roque, o fillo dun dos homes poderosos do pobo, e con Fiz. O pai de Fiz desapareceu hai tempo e a súa nai é costureira. Temos un contraste entre Roque, que ten todas a comodidades e incluso vai armado cunha escopeta para cazar e Fiz, con orixes bastante humildes. Inverno é a filla do médico e alcalde da aldea. Hai outra nena, Laura, que está enferma e os demais non queren pasar tempo con ela. Hai que dicir que Laura parece máis disposta a estar debuxando e escribindo que en xogar cos outros rapaces.


Pero as tres mortes de Fiz eran moitas mortes para unha nena.


Unha tarde, Inverno e Fiz xogan cunhas cereixas e danse o seu primeiro bico. Roque, celoso, dispara contra Fiz e féreo de morte. Será o primeiro de moitos falecementos que vexa Inverno de primeira man. A morte é para ela como unha amiga, a pesares de que so ten trece anos. Inverno xura vinganza e nunca esquecerá a Fiz. Tras o pasamento pasará os días preto da súa tumba con Laura, ata que estala o conflito e deben fuxir da aldea polas ideas políticas de seu pai.


A guerra en antes era un silencio triste, olladas arrepiadas, desaparicións misteriosas e a fachenda de Roque.


Vemos o seu periplo durante unha fuxida que parece non ter fin. Primeiro van a Barcelona, onde atopará a anciá Mercé e a súa neta Silvia, coas súas pombas amestradas. Logo van a a Francia como refuxados, onde vivirán as penurias dos seus campos, e despois parten en barco (o Ipanema) cara a América. En Cuba están os avós de Inverno e pouco a pouco, esta irá coñecendo as orixes da súa familia, que descoñecía por completo.


Cada vez as pertenzas eran menos e os recordos mais.


Inverno é a personaxe principal e todo xira en torno a ela. Pero hai moitas personaxes, entre elas algunhas importantes como son o seus pais e a súa irmá Rebeca, a tata Luzdivina, Fiz sempre presente, Laura a quen escribiu cartas durante anos, etc. A fascinación de Inverno polo seu pai, o idealista Alfredo, é profunda durante toda a súa vida.

En cada lugar do mundo en que acontece a acción vemos a loita das persoas, a defensa da galeguidade e a morriña de Inverno, quen sempre quixo volver a Antes. Os lugares, as personaxes e os feitos parecéronme moi metafóricos, dende o propio nome de Inverno e de Antes, a vella mansión da Habana na que viven cos seus avós Don Ezequiel e Lola ata chegar o simbolismo de París e o seu idealismo.


Francia chegou sempre tarde, maldita sexa, Francia chegou sempre tarde.


Asistimos o crecemento de Inverno, o seu romance con Tomás na Habana, a quen sempre chamou Fiz, a diversos conflitos armados nos que seu pai estivo presente, o pasamento de Castelao en 1950, o alzamento cubano, o desexo constante de Inverno de regresar a Galicia… A historia mesturase coa fantasía e móstranos a cara da guerra e o exilio, da desesperación e a esperanza. Pero neste libro o que para min predomina e a constante loita contra o esquecemento.

Estamos ante una narrativa mimada, cun estilo peculiar e un dominio abraiante da lingua, cargada de lirismo e poesía. Tratase dunha obra que me fascinou dende un principio, xa non só polo recurso tan complicado de empregar que é a segunda persoa no narrador, senón por esa beleza da linguaxe que a autora soubo manexar con mestría durante toda a novela. Teño que dicir que o argumento, tan potente nun principio, non me convenceu o remate e dista moito de me parecer redondo. A novela perde pulso ao final,como se esmorecese con Inverno. Aínda así, é unha obra moi recomendable.


 Se alteras a orde dos recordos perderaste nunha lagoa infinita.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s